O Concello remata a renovación dos vestiarios do campo de fútbol de San Miguel de Oia
O goberno local está a renovar as instalacións dos campos de fútbol de Vigo por un importe que supera os 10 millóns de euros.
Abel Caballero informou dos investimentos en campos de fútbol municipais tras o remate da renovación dos vestiarios do campo de fútbol da Pirucha, en San Miguel de Oia, no que o Concello investiu 150.000 euros.
Amais, o alcalde lembrou as novas actuacións nos campos de fútbol municipais cun investimento total que supera os 10 millóns de euros. O Concello dedica 8.487.000 euros para os novos vestiarios en A Bouza, Monte da Mina, San Andrés de Comesaña, A Guía, Santa Mariña, Carballal, Candeán, Meixoeiro e Sárdoma.
O goberno local tamén investirá case un millón de euros na renovación do céspede dos campos de Samil e Monte da Mina. Tamén en Samil se acometerá proximamente a renovación da cuberta cun investimento de 131.000 euros.
O campo de Bouzas tamén terá nova cuberta tras a renovación dos vestiarios. O Concello dedica 303.000 a esta actuación, á que hai que sumar outros 37.000 euros para a mellora da cuberta da bancada do campo municipal de Navia.