Escoitar

Caballero: "A protección establecida polo Concello na Alameda é exactamente a mesma que se fose un BIC”.

O alcalde afirmou hoxe que o Concello afronta a conservación do xardín da Praza de Compostela, catalogado con protección ambiental na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e amparado polo novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que foi validado pola Xunta, co mesmo nivel de esixencia de mantemento que un Ben de Interese Cultural. “A protección e as cautelas establecidas polo Concello nestes xardíns son exactamente as mesmas que se fose un BIC”, incidiu.

mércores, 12 nov 2025

Abel Caballero lembrou este mércores que nunha recente xornada internacional sobre xardíns históricos celebrada en Vigo os expertos europeos que participaron coincidiron en que “hai outros mecanismos” que non sexa a declaración de Ben de Interese Cultural para defender o xardín da Praza de Compostela “e témolos protexidos”.

O alcalde recalcou que as distintas actividades que se levan adiante na Alameda, como o mercadillo de Nadal, “non dana en absoluto” o xardín “e de feito cumpre coas condicións da protección, que é a mesma que o BIC neste momento para o Nadal”. Caballero, tras asegurar que o Concello mantén o xardín nun “magnífico estado de conservación”, explicou que se fose catalogado como Ben de Interese Cultural “dificultaría a vida cotiá dos veciños e a actividade económica e social da zona. Por tanto, que sexan conscientes de que establece limitacións, non para o xardín que xa as ten senón para a contorna”.

O rexedor sinala que a mobilización despregada para reclamar a declaración dos xardíns como BIC está liderada “polos mesmos que fan as denuncias contra o Nadal. Agora queren que sexa BIC porque non queren que haxa alí un mercadillo”.

Descargar todas as imaxes