Caballero critica a “ineptitude” da Xunta na xestión da presa de Eiras
O alcalde afeou esta mañá á Xunta que en tres anos non fora capaz de cambiar dúas válvulas da presa de Eiras da que é propietaria desde xaneiro de 2023. O acordo asinado entre as partes establece que Augas de Galicia é a responsable do mantemento e conservación desas pezas.
O rexedor lembrou esta mañá que en xaneiro de 2023 se lle entregaron as chaves da presa de Eiras a Augas de Galicia polo que levan tres anos como responsables desta instalación e “durante este tempo non foron capaces de substituír dúas válvulas”.
Tal e como aclarou, segundo o acordo asinado entre as partes: “agás a válvula de toma e comportas da torre de toma que, por acordo entre ambas administracións será operada por FCC Aqualia Vigo Ute, correspondendo o seu mantemento e conservación a Augas de Galicia”.
Caballero afeou que a Xunta non fora capaz de cambiar unhas válvulas que teñen un custo de 50.000 euros cada unha e, respecto das acusacións da Xunta afirmando se lle obstaculiza o seu traballo, negou tal extremo e conminou aos responsables autonómicos a facilitar os supostos nomes “para denunciar de forma inmediata a esas persoas”.
Insistiu en que se o Concello fóra o propietario esta obra xa estaría realizada e avanzou que se, en dous días non se inicia este recambio, Aqualia encargará as pezas e será o Concello o que asuma os traballos. Posteriormente, engadiu, pediremos a reversión de Eiras. Rematou cualificando a xestión autonómica nesta instalación como “ineptitude ou neglixencia”.