O Concello celebra o Día do Patrimonio con actividades para toda a familia
Vigo celebrará o Día do Patrimonio con actividades para toda a familia no Pazo de Castrelos e na Vila Romana de Toralla. O vindeiro domingo 16 de novembro, o Concello organiza diversas actividades abertas ao público que convidan a coñecer e gozar do noso patrimonio dun xeito participativo e lúdico.
Abel Caballero explicou esta mañá que estas actividades son de balde, con prazas limitadas, e teñen como obxectivo achegar o patrimonio cultural vigués á cidadanía, poñendo en valor os espazos e historias que forman parte da nosa identidade común.
O Museo “Quiñones de León” súmase a esta celebración cunha completa programación pensada para público familiar dentro do Programa Museos. Ás 11,00 h, está prevista unha visita guiada especial adaptada a todas as idades á exposición conmemorativa do Centenario da doazón do Pazo ao pobo de Vigo, unha ocasión única para descubrir a historia e o legado deste espazo emblemático. Ás 12,30 h, comenzará un concerto didáctico a cargo de Alendalua, unha viaxe sonora ao pasado a través de cantigas, danzas e instrumentos medievais.
Pola súa banda, a Vila Romana de Toralla propón unha actividade familiar chea de intriga e historia. Ás 12:00 h, comezará o Misterio na Villa Romana de Toralla. A través dun xogo de pistas, as familias con nenos e nenas a partir de 8 anos deberán resolver un misterio arredor da famosa Crátera de Toralla. Unha experiencia divertida e educativa para descubrir, xogando, os segredos desta vila romana única.
Inscricións e máis información: https://museoseduca.vigo.org e en xacementosarqueoloxicosmunicipais@vigo.org