O Nadal Bus volverá percorrer Vigo cunha nova imaxe e máis iluminación
O alcalde anunciou que a ruta pasará polos principais puntos do Nadal vigués incorporando novas zonas como Urzáiz e o contorno do Centro Comercial Vialia Estación de Vigo.
Un ano máis o Nadal Bus permitirá gozar da iluminación do Nadal de Vigo e ofrece importantes novidades como a estrea dun vinilado temático que engalanará o vehículo con motivos festivos, e contará cunha iluminación reforzada con máis de 2.000 luces led.
Abel Caballero explicou que o percorrido, de 45 minutos, tamén se verá ampliado, permitindo aos pasaxeiros contemplar novas zonas da cidade como a rúa Urzáiz e o entorno do Centro Comercial Vialia Estación de Vigo coa proposta “Vialia on Ice”, ofrecendo así unha visión máis completa da decoración de Nadal.
O Nadal Bus realizará un percorrido circular de aproximadamente 40 minutos, con saída e chegada en Urzáiz – Príncipe (A Farola). A ruta inclúe: Urzáiz – Príncipe (A Farola), Urzáiz, Gran Vía, Praza de España, Praza de América (volta á praza), Camelias, Venezuela, Gran Vía, Urzáiz, República Argentina, García Barbón, Colón, Urzáiz – Príncipe (A Farola), Urzáiz/Vialia e Choróns.
O Nadal Bus conta con dous pisos, 78 prazas e unha praza para persoas con mobilidade reducida. As reservas poden realizarse a través da plataforma Woutick!, seleccionando día e hora.
Turismo en auxe polo acendido do Nadal
Caballero puxo de manifesto que a ocupación hoteleira supera o 86% para a noite do sábado 15 de novembro, “hoteis case cheos”. Para o alcalde isto é economía e emprego e que o Nadal de Vigo é recoñecido en todas partes e “exerce efecto arrastre no turismo de toda Galicia, masivamente na provincia de Pontevedra, pero tamén en Ourense e Santiago”.
Para o alcalde “é o fenómeno turístico de más importancia de Galicia que houbo nunca” e lamentou que a Deputación a Xunta “non só non contribúen se non que están á contra”.