Caballero manten a demanda dunha facultade de Medicina fronte a “pésima” nova para Vigo do rechazo da Xunta
O alcalde afirmou hoxe que o acordo para descentralizar a docencia do grao de Medicina nos tres últimos cursos, que se axusta á proposta imposta polo presidente da Xunta, é “unha pésima noticia” para Vigo. Advertiu de que non vai parar de demandar a facultade.
“Vigo é a maior cidade de España que non ten facultade de Medicina”, denunciou este venres Abel Caballero ao culpabilizar aos responsables da administración galega de “deixar” á cidade sen grao propio. “Alfonso Rueda impuxo un modelo atrasado e que xa fracasou hai 10 anos”, que establece que "formarán a metade de alumnos que en Santiago, xa que a USC contará con 203 alumnos fronte aos 100 de Vigo, e con profesores doutra universidade”, recalcou.
O rexedor incidiu en que a elección pactada este xoves entre as universidades galegas e a adminstración autonómica “é intolerable” porque “primeiro, segundo e terceiro curso fanse en Santiago”, recordou ao tempo que lamentou a decisión "porque este era o momento”.
Caballero, tras sinalar que non vai parar “de demandar a facultade porque é moi importante para Vigo, para os profesionais da sanidade, para a Universidade de Vigo" insistiu en que unha facultade de Medicina vertebra de forma moi notable a unha universidade”, e instau o presidente da Xunta e ao PP de Vigo a “explicar” as razóns polas que Vigo queda sen a creación “inmediata” dunha facultade de Medicina.
O alcalde insistiu en que co acordo volven darse “privilexios da Idade Media" a Santiago “contra a máis importante cidade de Galicia, que é Vigo”.