O Concello avanza na construción do Indoor Park de Navia
O alcalde deu conta do avance na construción do skate cuberto de Navia coa adxudicación da redacción do proxecto. O conxunto contará con dúas partes diferenciadas para a práctica de modalidades deportivas como BMX, Scooter e Roller, entre outros.
A Xunta de Goberno adxudicará mañá a redacción do proxecto de execución do Indoor Park Navia, cun presuposto de 89.849,76 euros. Como indicou Abel Caballero, “o obxectivo é a creación dun espazo cuberto destinado á práctica de deportes urbanos”, que incluirá pistas deportivas que poidan ser utilizadas por modalidades como: Skate, BMX, Scooter e Roller, entre outros.
O conxunto componse de dous espazos diferenciados. Unha zona de rúa (street), con elementos máis baixos, con distintos obstáculos simulando unha rúa, en diferentes alturas, practicables para todas as disciplinas e a outra zona de costa (park), dispoñerá de ramplas e quarters que van desde 1,6 a 4 metros de altura. Ademais, contará cunha zona segura, foam pit (piscina de escumas) e resi (salto con recepción branda).
A instalación contará cun edificio anexo co bloque de vestiarios, aseos, oficinas, almacén, cantina, así como unha zona destinada aos espectadores. Situarase entre as rúas Teixugueiras e Ufas e incluirá ademais a dotación de equipamentos exteriores complementarios e a urbanización xeral das parcelas, acondicionándoas como un espazo aberto para uso público (senda peonil e carril bici, zonas verdes e espazos de recreo).