O Pazo de Castrelos conta a súa propia historia coa mostra “Os últimos marqueses”
O Concello celebra o centenario da doazón do Pazo – Museo Quiñones de León coa inauguración da exposición inédita “Os últimos marqueses. Historia do Pazo de Castrelos, 1896–1934”, que poderá visitarse desde o 6 de novembro de 2025 ata o 4 de outubro de 2026 no propio Pazo de Castrelos.
A mostra conmemorativa propón unha viaxe única pola historia do pazo durante o período coñecido como “dos últimos marqueses”, entre 1875 e 1934, unha etapa decisiva para comprender a transformación da casa e a súa posterior entrega á cidade. Abel Caballero, acompañado da tenente de Alcalde, Carmela Silva, e o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, asistiron á inauguración do percorrido onde acompañados polo comisario, Víctor Hugo López Borges, que explicou xunto ao director do Pazo – Museo Quiñones de León o contido desta exposición.
A exposición é o resultado dun exhaustivo traballo de investigación de máis dunha década, coordinado polo museo municipal, coa colaboración de especialistas de Reino Unido, da Universidade de Santiago de Compostela e do actual Marqués de Valadares, autor de varias publicacións sobre a historia familiar.
Para reconstruír o apaixonante relato do Pazo de Castrelos, a mostra reúne pezas procedentes das coleccións municipais, moitas delas recentemente adquiridas por doazón ou en poxas internacionais en Francia e Reino Unido, así como obras e documentos cedidos temporalmente por coleccións privadas de España, Irlanda e Reino Unido.
Para o alcalde, esta exposición amosa “o Vigo que queremos que ocupe un lugar no ámbito do coñecemento na propia cidade, pero tamén en España e Europa”. Caballero puxo en valor o propio pazo, e agora tamén a valor do contido, “que xunto cos xardíns, o auditorio e propio parque constitúe algo excepcional”. Por outra banda, López Borges transmitiu con emoción a importancia da historia que conta o Pazo de Castrelos e louvou “que este sexa un proxecto para Vigo”.
O relato expositivo comeza co doante do pazo, Fernando Quiñones de León, Marqués de Alcedo, quen, xunto coa súa segunda esposa, a pintora Antonia de Bañuelos, acometeu importantes reformas no edificio e nos xardíns. Continúa coa figura do seu fillo, Fernando Quiñones de León, Marqués de Mos e Valadares, e da súa esposa Maryanne Whyte, dama británica de forte personalidade e influencia estética, que dotaron a Castrelos dun espírito renovador e cosmopolita. Finalmente, entre 1925 e 1931, a historia complétase coa presenza de Maryanne Whyte e o seu segundo marido, o militar irlandés Cecil Allanson, ata que en 1934 o Concello se converte en propietario efectivo do inmoble, abrindo o Museo “Quiñones de León” tres anos máis tarde.
O acto de inauguración contou cunha ampla representación de descendentes das familias históricamente vencelladas ao Pazo de Castrelos. Entre os asistentes atopábanse Ignacio Pérez-Blanco, actual marqués de Valladares, e Rafael Pérez-Blanco y Pernas, actual marqués de Mos; así como Elisabel Crespo Montenegro, marquesa viúva de Valadares, e Gonzalo Fernández-Castaño y Elduayen, marqués do Pazo da Merced. Tamén participaron Carmen, María José e Joaquín Adolfo González Gregorio, netos de Adolfo Gregorio Espino, alcalde de Vigo entre 1923 e 1927, quen promoveu as xestións que fixeron posible a doazón do pazo ao Concello.
Dende Irlanda desprazáronse Leanda de Lisle, sobriña neta de Maryanne Whyte e recoñecida escritora de novela histórica no Reino Unido, así como Richard Foley, tamén sobriño neto da familia, acompañado da súa esposa Shirley e da súa filla Maeve Maryanne, bautizada en recordo da propia Maryanne Whyte. A comitiva irlandesa estivo acompañada polo pai Gerry Comiskey, representante da Carrick-on-Shannon History Society, para quen a figura de Maryanne continúa a ser unha verdadeira celebridade.
O acto contou ademais coa presenza de persoas vencelladas á historia máis íntima do pazo, como Julio Freiría, fillo do antigo chófer do Marqués, e Amparo Costas, neta do ebanista da casa, que quixeron compartir esta emotiva xornada de lembranza e recoñecemento.
A exposición reivindica o carácter de casa-museo do Pazo de Castrelos, e formúlase como a base da súa futura exposición permanente, enmarcada na remodelación integral da rede de museos municipais de Vigo.