Instálanse os primeiros piares para a construción da futura bancada de Gol
Abel Caballero explicou que “seguimos avanzando a bo ritmo”. Coa bancada de Gol o estadio terá un aforo superior aos 30.000 espectadores e coa ampliación de Tribuna, “que xa comezou”, alcanzaranse os 43.000 esixidos por FIFA.
O rexedor explicou esta mañá o avance nos traballos de construción da futura bancada de Gol que, como sinalou, vai “avanzando a bo ritmo”. Nestes momentos estase colocando a estrutura metálica que lle dá forma aos piares, para posteriormente encofrar e formigonalo.
Trátanse dos primeiros piares que sosterán a nova grada de Gol Baixo, que contará con 84 na parte baixe da estrutura. Como explicou o rexedor, “cando estean todos situados, procederase a aplicar a placa de formigón e nese momento comezarase a montar a bancada”.
En xuño de 2026, coincidindo co final do campionato de liga de Primeira División, “teremos a estrutura da bancada sen cuberta”. Nese momento realizaranse en paralelo: división de espazos; traballos de albanelería e carpintería, illamento e pavimentacións e instalación do saneamento. Posteriormente instalarase a malla metálica que sosterá a cuberta. Tamén explicou que “a obra estará rematada a finais do ano 26. Cremos que debe estar operativa e polo tanto o Celta xa debe estar utilizando esta bancada en febreiro do ano 27”. Coa bancada de Gol o estadio terá un aforo superior aos 30.000 espectadores e coa ampliación de Tribuna, “que xa comezou”, alcanzaranse os 43.000 esixidos por FIFA.