O alcalde rexeita a “atención deficiente” da Xunta á educación en Vigo
Abel Caballero censurou este martes o “maltrato” que o Goberno autonómico presta ao ámbito educativo na cidade citando casos como o do Manuel Antonio ou o do Ceip A Paz Tintureira en Coruxo.
“A atención da Xunta de Galicia á educación en Vigo é extremadamente deficiente”, afirma o rexedor, que sostén que este ámbito está sendo “maltratado” en Vigo polo Goberno autonómico.
Puxo como exemplo o caso do alumnado do Centro Integral de Formación Profesional Manuel Antonio que está mobilizándose de maneira continua para reclamar á Xunta aulas alternativas onde estudar en condicións de seguridade namentres se executan as obras de reforma do centro. “A Xunta non é quen ou non quere resolvelo”, criticou Caballero.
O problema do Manuel Antonio súmase á reclamación da Anpa do CEIP A Paz Tintureira, en Coruxo, que está urxindo á Xunta a repoñer os dous especialistas en necesidades de apoio educativo que tiñan o curso pasado e que lles quitaron este curso.
Ademais, sinalou o alcalde, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ordenar que se tramite o recurso contencioso-administrativo presentado pola Anpa do Colexio Compañía de María trala decisión da Xunta de eliminar este curso vinte prazas de Educación Infantil.
Por último, quixo recordar que este verán dimitiu todo o equipo directivo do IES Valadares polos recortes e que o Concello tivo que asumir o cambio da cuberta do colexio Celso Emilio Ferreiro ante a inacción da Xunta de Galicia.