Escoitar

O alcalde rexeita a negativa da Xunta aos proxectos vitais da cidade

Abel Caballero referiuse este xoves á carta recibida en resposta á enviada ao presidente da Xunta e que asina o conselleiro Diego Calvo, quen nega o financiamento autonómico da obra de ampliación de Balaídos

xoves, 6 nov 2025

Caballero sinalou que na misiva enviada ao presidente da Xunta hai unha semana, trasladáballe que “xa estamos na ampliación e a remodelación da bancada de tribuna para cumprir os requisitos FIFA para o Mundial 2030” e requiríalle que o Goberno autonómico achegue “por agora, millón e medio de euros” para o financiamento da obra. “Pois a resposta é que non. Non queren pagar e non van pagar a remodelación no campo de Balaídos para o Mundial 2030” facendo alusión a que en lugar de abordar esta cuestión, na carta, falan “das pistas de atletismo e din que pagarán a metade”, cando o compromiso de Emilio Pérez Touriño con Vigo era asumir o pago de todas as pistas. “A Xunta párao durante anos e anos e cando o desbloquea xa só paga a metade”.

Sobre o Mundial do ano 2030, Diego Calvo propón na carta que as obras sexan financiadas polo Goberno do Estado, pola Xunta, a Deputación e o Concello, algo que, responde Caballero, non se está facendo no resto de España, poñendo como exemplo Zaragoza (obras pagadas polo concello, xunta e o club), Las Palmas (paga o Cabildo), Valencia (polo de agora o club), na Coruña aínda non se sabe que vai pasar e na Cartuja de Sevilla, xa reformado, a obra foi financiada pola Junta de Andalucía. Por tanto, o alcalde apunta que o goberno de España “non paga ningún. Non é que faga unha excepción e diga Vigo non”. Así entende que a Xunta “está dicindo que non quere pagar” e propón que o financiamento da reforma do conxunto do estadio de Balaídos se faga a terzos entre a Xunta de Galicia, o Concello e a Deputación pedíndolle “conxuntamente ao Goberno de España que tamén pague. E cando o Goberno pague rebaixaremos a parte que achega cada un porque a alternativa é que a Xunta non quere pagar”, porque, afirma, “non quere que haxa mundial en Vigo. E isto é un escándalo. De novo, a Xunta de Galicia dicíndolle que non a algo tan importante para esta cidade como o mundial do ano 2030 de fútbol”.

En referencia á ETEA, o alcalde de Vigo sinala que “leva parada pola Xunta de Galicia case 17 anos” mentres o Concello desenvolveu a parte que é da súa competencia abrindo as instalacións deportivas, tirando o muro de separación coa praia de Punta para permitir o acceso da xente, fíxose a cesión de dous edificios á Uvigo para a cidade do Mar e “estamos dispostos a que Zona Franca constrúa un aparcadoiro que tiña que construír a Xunta de Galicia”. Así, criticou o descoñecemento do conselleiro ao non saber que o convenio en Zona Franca xa está aprobado e a Xunta de Goberno Local daralle luz verde de forma inmediata.

En relación ao túnel do Elduayen, afirma o rexedor que segue faltando o permiso da Consellería de Medio Ambiente para executar a obra: “falta a resposta a unha proposta dunha colonia de paxaros que hai alí, que quen nos dixo que tiñamos que resolver ese problema foi a Xunta”.

No tocante á ampliación do IFEVI, Caballero insiste en que é competencia da Xunta de Galicia “que ten que pagar a ampliación” reiterando a disposición de Zona Franca de financiar a obra. Para poder facelo debe cambiarse o actual padroado e taxar os activos de cada administración que o conforma, tal e como obriga a lei pero, segundo o rexedor, o Goberno autonómico rexeita esta taxación independente. “Non propoñen ningún pacto e non propoñen ningún acordo. O que propoñen é que Vigo o pague todo e a Xunta quede con todo. É o antiviguismo total”.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes