O Concello rehabilita a Casa das Artes para albergar a colección de arte galega máis importante da Comunidade
Abel Caballero reiterou hoxe o apoio "claro e decidido” do Goberno Local á cultura da cidade. Destacou que nestes momentos estanse a acometer obras de rehabilitación da Casa das Artes por importe de 200.000 euros.
O Concello segue mellorando os espazos culturais da cidade, avanzando na reforma integral de toda a primeira planta da Casa das Artes para albergar a colección de arte galega máis importe de Galicia, con obras de artistas como Colmeiro, Laxeiro ou Lugrís. Cun investimento de 200.000 euros, estanse a remodelar as paredes e a iluminación, instalouse un sistema de renovación de aire que controlará o grao de humidade da sala para garantir a perfecta conservación das obras de arte; ademais de crearse unha aula didáctica. Estas melloras dan continuidade ás xa realizadas para reparar e acondicionar a segunda planta e a cobertura do edificio.
Este museo exhibirá parte da colección municipal que nestes momentos está aloxada nos baixos do MARCO, mentres que o resto da colección permanecerá na Pinacoteca.