Escoitar

Cultura asina un convenio co Cineclube Lumière para potenciar a súa programación de cine en versión orixinal

O concelleiro de Cultura, o nacionalista Xesus López, anunciou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración coa presidenta do Cineclube Lumière, Anabel González, para potenciar a súa programación de cine en versión orixinal dirixida a públicos sectoriais e especializados. Durante o primeiro semestre do 2008 as proxeccións teñen lugar todos os luns ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, mentres que de setembro a decembro faranse no Centro Cultural Caixanova, "por mor das obras de mellora que se levarán a cabo no recinto municipal", segundo explicou o concelleiro de Cultura.

xoves, 17 abr 2008
"A sinatura deste convenio é unha mostra máis do compromiso do BNG por potenciar as entidades culturais da cidade", salientou Xesus López. Ademais, o concelleiro nacionalista indicou que a achega do Concello para o Cineclube Lumière para a produción da súa programación, ascende a 12.000 euros. O Cineclube Lumière, fundado no ano 1993 por iniciativa duns cantos afeccionados ao cinema da cidade de Vigo é a única entidade de similares características que existe na provincia de Pontevedra e unha das tres que existen en Galicia. Ademais de programar semanalmente películas en versión orixinal subtitulada, o Cineclube Lumière realiza outras actividades relacionadas co mundo audiovisual, como cursos sobre cine ou vídeo e concursos.

O vindeiro 21 de abril, o filme de EE.UU dirixido por Fritz Lang en 1943 "Os verdugos tamén morren" é a película escollida para a súa proxección. Xa o 28 de abril será a produción de México, Francia e Holanda dirixida por Carlos Reygadas no 2007 "Luz silenciosa" a que se poderá visionar.