Escoitar

Marcha de apoio a Oscar Pereiro

O domingo, día 18, as rúas de Vigo acollerán a "marcha amarela" en apoio ao ciclista Oscar Pereiro. O acto ten dous encontros: a marcha cicloturista ás 10 da mañá e a marcha popular ás 12 horas.<br />

venres, 16 feb 2007
A marcha cicloturista comezará ás 10 horas na praza de Compostela de Vigo e pasará por Nigrán e Gondomar ata o seu regreso ao punto de partida, tras percorrer 40 km. As inscricións faranse a través da Federación Galega de Ciclismo ou do Club Ciclista Ría de Vigo, así como no punto de partida unha hora antes do comezo.

Ao paso dos cicloturistas polo punto de partida, previsto para ás 12 horas, será á vez o inicio dunha marcha popular de 9 quilómetros polas rúas da cidade de Vigo. As inscricións para a marcha faranse cubrindo o boletín que publica o Atlántico ou en www.atlantico.net ou na saída unha hora antes do inicio.

Os participantes recibirán obsequios, incluíndo a camiseta de cor amarela conmemorativa que da nome á celebración. Ademais, cada un disporá dunha postal cunha mensaxe de apoio a Oscar Pereiro que, unha vez subscrita, será enviada pola organización á dirección do Tour de Francia en París.

O acto está organizado polo xornal Atlántico e conta co apio da concellería de Deportes do Concello de Vigo, da Vicepresidencia da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.

Na rolda de prensa de presentación da marcha asistiron ademais do propio ciclista Oscar Pereiro, a concelleira de Deportes , Lucía Molares; a delegada provincial de Deportes da Xunta, Marta Souto; o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Sabino Cortizo e o director de Planificación do Atlántico Diario, Valentín Verdejo.