Escoitar

O Concello porá en marcha un programa de atención a emigrantes retornados e inmigrantes

O Concello e a Xunta de Galicia colaborarán na integración social dos emigrantes retornados e dos inmigrantes coa posta en marcha, por parte do Concello dunha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral, que será financiada pola Xunta cunha achega de algo máis de 80.000 euros.

xoves, 15 feb 2007
A alcadesa de Vigo, Corina Porro, e o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, asinaron o pasado 31 de xaneiro un convenio de colaboración no que se establece que a unidade de atención a emigrantes retornados e inmigrantes informará a estes colectivos sobre a súa situación xurídica e sobre os trámites administrativos que deben realizar dada a súa situación. Neste sentido, a unidade que porá en marcha o Concello asesorará na tramitación de permisos de residencia e de traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar e outros documentos que estes colectivos necesiten. A unidade tamén asesorará sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que teñan dereito.

Así, mesmo, a unidade de atención facilitará todo tipo de información sobre programas formativos e de orientación e inserción laboral e outras axudas ás que poidan ter acceso os emigrantes retornados e os inmigrantes e que lles poidan servir para encontrar traballo. A outra función da unidade para emigrantes retornados e inmigrantes será a de promover a incorporación destes últimos ás redes sociais e á vida comunitaria.

O convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Xunta estará vixente ata a fin de 2007.