A Consellaría de Educación estudará o redeseño da Escola Oficial de Idiomas de Vigo
A Consellaría de Educación vai estudar a modificación dos espazos das aulas da Escola Oficial de Idiomas de Vigo, co obxectivo de satisfacer a demanda de prazas para os dous primeiros cursos, que supera á que se rexistra nos tres últimos. Así mesmo, a Consellaría analizará a posibilidade de crear seccións da Escola noutros municipios da área metropolitana.
Neste sentido, ademais, a Escola Oficial de Idiomas podería contar cunha nova sección en Vigo, se así o decide a administración autonómica. Esta posibilidade e a de redeseñar o edificio da Escola para aproveitar o espazo que sobra nas aulas de 3º, 4º e 5º foron analizadas polo concelleiro de Educación de Vigo, Ignacio López-Chaves, e o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez, nunha reunión que tivo lugar hoxe xoves na sede da Consellaría de Educación en Santiago de Compostela.