Escoitar

Racións de mexillóns un euro para promocionar o Casco Vello

Establecementos hosteleiros do Casco Vello queren dinamizar esta zona ofrecendo do 23 de febreiro ao 11 de marzo, por un euro, racións de mexillóns ao vapor e especiais. Deste xeito, espérase que moitos vigueses visiten o Casco Vello para facer rutas de degustación.

venres, 16 feb 2007
1171635911mexillon160207.jpg
As Xornadas do Mexillón Galego no Casco Vello contan xa coa adhesión de dez establecementos da zona, aínda que se espera alcanzar unha cifra aproximada de 20. Cada local ofrecerá racións de 300 gramos de mexillóns ao vapor, máis unha especialidade de cada casa. Barállase, ademais, a posibilidade de que en todos os establecementos se poida degustar unha mesma variación deste produto.

No Hotel Bahía, que acolleu a presentación desta iniciativa hoxe venres, calculan se cociñarán unhas dúas toneladas de mexillón para estas Xornadas. Os bares e restaurantes do Casco Vello recorrerán aos seus proveedores habituais para conseguir esta cantidade de molusco.

O xerente da marisquería do Hotel Bahía, César Sánchez, apuntou que o motivo de que as Xornadas do Mexillón Galego se celebren precisamente entre finais de febreiro e principios de marzo é que "dentro dun mes van adelgazar demasiado", ao entraren en época de desove.

Na presentación das Xornadas estivo presente a concelleira de Turismo e Comercio, Lucía Molares, quen felicitou a Vigovello por esta iniciativa e animou a "facela de todos os cidadáns", para poder recuperar o Casco Vello e convertelo nun espazo de encontro.
Descargar todas as imaxes