Escoitar

Comeza a rolar o balón do Campionato de España de Clubes de Fútbol Sala

Vinte e catro equipos de 12 Comunidades Autónomas participan desde hoxe venres ata o domingo no Campionato de España de clubes de Fútbol Sala, nas categorías masculinas de benxamíns, alevíns, infantís e cadetes. A concelleira de Deportes, Lucía Molares, deulles a benvida aos rapaces hoxe venres no Concello.

venres, 9 xuñ 2006
1149859770futbolsala090606.jpg
No seu discurso, Lucía Molares afirmou que "é moi interesante que se poida celebrar en Vigo" este campionato, porque o fútbol sala é "unha das modalidades deportivas na que máis nenos e nenas participan".

A concelleira mostrou o seu desexo de que os participantes, "ademais de ter bos resultados deportivos", gocen da "convivencia entre nenos de distintas comunidades", así como dun "pouquiño de tempo libre para visitar a cidade e ir á praia".

O campionato comeza hoxe venres ás 18:00 horas con partidos no Pavillón das Travesas e no do colexio "Los Sauces". Neste último desputaranse as eliminatorias de infantís. As restantes xogaranse nas Travesas. En cada categoría participan seis equipos de distintas Comunidades, que previamente tiveron que xogar eliminatorias.

As finais terán lugar no Pavillón das Travesas o domingo pola mañá. Na pista central desputarase a de alevíns ás 10:30 e a de benxamíns ás 12:00. No frontón xogaranse a final de cadetes ás 10:00 e a de infantís ás 11:30.

A organización deste Campionato de España corre a cargo da delegación en Vigo da Federación Galega de Fútbol Sala.
Descargar todas as imaxes