Escoitar

O Concello colabora con Down Vigo no seu proxecto de vida independente para discapacitados

A concelleira de Benestar Social, Marta Iglesias, o presidente da asociación Down Vigo, Fernando Molina, e o director xeral de Gas Galicia, Juan José Picón, asinaron hoxe xoves un convenio de colaboración para o desenvolvemento do programa "Escola de Vida". Esta iniciativa ten por obxectivo posibilitar a plena integración de persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual habilitando para iso unha vivenda na que poidan convivir.

xoves, 8 xuñ 2006
1149771850DOWN080606.jpg
A Escola de Vida concíbese como un lugar de aprendizaxe a partir das experiencias dos propios beneficiarios do programa, que poderán convivir cos seus compañeiros de piso e realizar as tarefas propias dunha vivenda, como poden ser cociñar, facer a compra, administrar o diñeiro e repartir os traballos.

Con isto, o programa pretende que as persoas con síndrome de Down e/ou discapacidade adquiran hábitos cotiáns, atinxindo as maiores cotas de autonomía posibles para viviren de maneira independente. A premisa que rexe esta intención é o recoñecemento explícito de que as persoas con discapacidade intelectual son capaces de tomar decisións e elixir libremente partindo da súa propia iniciativa.

A asociación Down Vigo, que leva un ano traballando neste proxecto, asinou en decembro pasado un convenio de colaboración con Gas Galicia para a posta en marcha desta Escola de Vida. Ademais, en maio deste ano, Down Vigo asinou outro convenio, desta vez co Concello, polo que lle foi cedido por 25 anos un piso de propiedade municipal para o desenvolvemento deste proxecto.

Na vivenda onde se levará a cabo a Escola de Vida vivirán catro mozos con e sen discapacidade, aproximadamente da mesma idade. Os mozos sen discapacidade exercerán o papel de mediadores, nunca de coidadores nin de substitutos dos pais. O perfil profesional e persoal dos mediadores estará en consonancia non só coa liña de pensamento do proxecto, senón tamén coas aptitudes e capacidades requiridas para a súa posta en marcha. Así, o programa recorrerá a estudantes ou titulados en Maxisterio, Pedagoxía, Psicoloxía e Psicopedagoxía.

A permanecia dos mozos na Escola de Vida variará en función tanto das súas características e necesidades como das do seu contexto familiar e laboral. A idea é que unha vez completado o tempo de preparación para vivir independentemente cada persoa decida onde e con quen quere vivir.
Descargar todas as imaxes