Escoitar

“Galicia Biodays 2026” converte a Vigo na capital atlántica da biotecnoloxía

O auditorio Mar de Vigo acollerá o 6 e 7 de maio o foro de referencia da industria biotecnolóxica e das Ciencias da Vida do Espazo Atlántico Europeo. O encontro permitirá establecer contactos e sinerxías, xerar negocio e desenvolver novos proxectos e iniciativas.

martes, 28 abr 2026

Na presentación deste evento, que organiza o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida co apoio de Zona Franca, o alcalde puxo en valor a capacidade viguesa neste ámbito: “podemos competir con calquera, temos a capacidade técnica e tecnolóxica para situarnos na fronteira do coñecemento. É o momento das grandes oportunidades e temos que asumilas”. Abel Caballero puxo en valor a cita que congregará na cidade a “profesionais de altísimo nivel” e felicitou á organización por ser quen de poñer en marcha esta cita para a que ofreceu “toda a nosa cooperación”.

Vigo acollerá o 6 e 7 de maio o foro de referencia da industria biotecnolóxica do Espazo Altántico Europeo coa celebración da terceira edición de “Galicia Biodays”, que se presentou este martes coa presenza do rexedor, do delegado do Estado no Consorcio Zona Franca, David Regades; do conselleiro de Educación, Román Rodríguez; de José Manuel López Vilariño, presidente da Agrupación Industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga); e de Carmen Cotelo, directora da Axencia Galega de Innovación.

Para José Manuel López Vilariño, esta cita “servirá para impulsar a innovación, a colaboración público-privada no noso sector e o crecemento do ecosistema biotecnolóxico de Galicia” e permitirá “coñecer as tendencias do sector biotecnolóxico, para tomarlle o pulso ás innovacións do ecosistema mundial das ciencias da vida”. En relación coa escolla de Vigo para o evento apuntou que “é unha cidade emprendedora, con iniciativa, con talento e con vocación industrial; conta cunha contorna onde xurdiron hai décadas algunha das máis innovadoras iniciativas biotecnolóxicas de España e onde hoxe están instaladas compañías tractoras do noso sector”.

Galicia Biodays 2026 ten cun amplo programa no que destaca como novidade a BioHackathon, unha actividade internacional e multidisciplinar dirixida a doutorandos e persoal investigador. Os participantes, durante catro días, traballarán nos retos reais expostos por empresas do sector, transformándoos en solucións concretas. Os BioTalent Meetings irrompen por primeira vez en Galicia Biodays. Trátase dunha plataforma exclusiva de networking deseñada para conectar talento do ámbito biotech con responsables de recursos humanos de empresas líderes do sector. O evento acollerá tamén unha nova edición dos BioInvestor Days, coa participación de máis de 30 fondos de investimento e coa participación de máis de 15 iniciativas e proxectos empresariais nacionais e internacionais.

O programa incluirá charlas centradas en aspectos clave como a transferencia tecnolóxica, o emprendemento e as oportunidades de investimento en aplicacións dixitais en biotecnoloxía. Algún dos relatores que estarán en Galicia Biodays 2026 son Timothy Cauldfield, divulgador científico da Universidade de Alberta e autor do libro Gwyneth Paltrow Wrong About Everything? (Gwyneth Paltrow equivócase en todo?); a investigadora en ecoloxía mariña da universidade de Gotemburgo Angela Wulff, fundadora da empresa Swedish Algae Factory, que utiliza micro-algas para mellorar a eficiencia dos paneis solares e crear cosméticos sostibles; Seng H. Cheng, Senior Vice President, de Alexion, empresa líder no desenvolvemento de terapias xénicas e tratamentos para enfermidades raras; Iván Cornella-Taracido, CEO de New Stealth Company e referente no descubrimento de fármacos e na identificación de dianas terapéuticas complexas; ou Joerg Holenz, director científico en Bial, onde desenvolve novas terapias centradas nas neurociencias e impulsa o descubrimento de fármacos para enfermidades difíciles como o Párkinson.

Descargar todas as imaxes