Vigo concedeu 225 licenzas de obra o ano pasado, case tres veces máis que A Coruña
O Concello autorizou en 2025 case o triplo de obras que A Coruña. En Vigo tramitáronse 225 licenzas urbanísticas, fronte ás 79 da cidade herculina. Desde que se aprobou o PXOM o pasado mes de maio, a Xerencia resolveu favorablemente 3.378 autorizacións e obras menores.
O alcalde de Vigo deu conta da concesión de 225 licenzas de obra en 2025, unha cifra “moi significativa” que se entende mellor se a comparamos, por exemplo, con A Coruña que no mesmo período de tempo adxudicou 79. Outra referencia significativa, engadiu, é a que podemos extraer do número de autorizacións outorgadas entre os anos 2020 e 2025. Nestes cinco años, Vigo concedeu 1.282, mentres que A Coruña tramitou a metade, 598.
Desde que se aprobou o PXOM en maio de 2025, o goberno local resolveu favorablemente 286 licenzas. Tal e como detallou Caballero, autorizáronse 20 edificios; 18 demolicións; 85 reformas e ampliacións; 60 vivendas unifamiliares; 5 naves industriais; 11 parcelacións; 16 reformas comerciais e 71 ascensores, gasolineiras, muros ou transformacións de locais en vivendas. A esta relación hai que engadir 2.303 obras menores por comunicación previa e 718 reformas comerciais por comunicación previa. Por tanto, entre licenzas e obras menores, o número de licenzas ascendeu a 3.378.
Vivenda
Vigo, ao igual que o resto das cidades, está a vivir un aumento do prezo da vivenda, segundo se constata en calquera portal especializado. Este incremento vén determinado porque a Xunta, administración competente, non construíu nos últimos 18 anos nin un so piso de alugueiro a prezo taxado e apenas 62 vivendas sometidas a algún tipo de protección, construídas en parcelas cedidas polo Concello.
Á vista desta desatención da Xunta, que é administración que recibe fondos estatais para a construción de vivenda, Caballero explicou que desde Concello e Zona Franca están implicados neste ámbito. Como xa é coñecido, Vigo contará cunha Empresa Pública de Vivenda e xa está mobilizando 715 vivendas, mentres que o Consorcio acaba de anunciar 90, confirmou.
Finalmente, detallou, o Concello promoverá a construción de 200 vivendas en Santa Cristina; 27 en Esturáns; 88 en Barreiro, ademais 401 actuacións en rehabilitación. Antes de rematar, lembrou que o PXOM blinda un 30% da vivenda protexida en futuros desenvolvementos urbanísticos.