Escoitar

A Orquesta Folk Son de Seu celebra o 9 de maio o seu 25 aniversario con Romaní, Cupeiro, Tanxugueiras e Díaz

O sábado 9 de maio o Auditorio Mar de Vigo será o escenario do concerto organizado para conmemorar o 25 aniversario da Orquestra Folk de Galicia Son de Seu. “Que todo Vigo acuda porque Son de Seu é unha orquestra folk excepcional”, animou o alcalde hoxe no acto de presentación da cita musical que contará coa participación de intérpretes con proxección nacional e internacional.

martes, 24 feb 2026

Abel Caballero presentou este martes este “encontro excepcional” de músicos que terá lugar a partir das 20:30 h do 9 de maio no Auditorio Mar de Vigo con motivo do concerto da celebración do 25 aniversario da orquestra. “Quero que Vigo tome conciencia da gran orquestra que temos”, incidiu o rexedor ao avanzar que no concerto participarán Abraham Cupeiro, Tanxugueiras, Xabier Díaz e Rodrigo Romaní.

Anxo Pintos, pola súa banda, destacou a “emoción” que xera alcanzar os 25 anos de actividade e celebralo cun concerto que contará coa actuación de artistas de proxección internacional que o converterán "nunha celebración única e singular”. O presidente da Fundación, tras poñer en valor o apoio do Concello a todas as formacións musicais de Vigo dentro dun ”hábitat musical espléndido”, lembrou que a orquestra, conformada por 60 músicos, conta con seccións de gaita, pandereteiras, zanfona, arpa céltica, violín folk, requintas, buzukis, contrabaixo e percusión . “É unha orquestra con ambición profesional”, recalcou Pintos.

Caballero estivo acompañado na presentación pola tenente de alcalde, Carmela Silva, o concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, o presidente da Fundación da orquestra “Son de Seu”, Anxo Pintos, o director da formación, Xaquín Xesteira e a técnica do departamento de música tradicional da ETRAD, Begoña Riobó. 

Descargar todas as imaxes