Escoitar

A Corporación esixe máis recursos humanos especializados nos centros educativos da cidade

A maioría da Corporación validou unha moción socialista que advirte de atrasos na incorporación de docentes o que prexudica ao alumnado con necesidades educativas especiais. O texto contou co apoio do PSOE e do BNG.

luns, 23 feb 2026

Na sesión plenaria desta mañá, a maioría da Corporación acordou esixir á Xunta a dotación urxente de máis recursos humanos especializados nos centros educativos vigueses: profesorado de Pedagoxía Terapéutica, profesorado de Audición e Linguaxe ou persoal de Orientación Educativa, entre outros.

A moción, defendida pola concelleira de Educación, Olga Alonso, solicita que estes recursos humanos sexan estables para garantir a súa eficacia, cunha cobertura efectiva das prazas precisas desde o inicio do curso escolar. Deste xeito, evitaríanse atrasos que prexudican o dereito á educación do alumando con necesidades específicas de apoio educativo. O texto contou co voto a favor dos grupos socialista e nacionalista, mentres que o grupo popular votou en contra.

Cuberta Celso Emilio Ferreiro

Outro dos asuntos que recibiron luz verde esta mañá foi o acordo de censurar á Xunta por non renovar a cuberta do Celso Emilio Ferreiro dado o risco que existía para a comunidade escolar. O texto lembra que o Concello asumiu e financiou esa obra para salvagardar a seguridade do centro a pesar de non ser unha responsabilidade municipal. A concelleira de Educación defendeu reclamarlle á Consellería de Educación o pagamento do custo da execución das obras de substitución da cuberta e reparación das fachadas do centro educativo. A moción contou co voto en contra do PP e a favor do PSOE e do BNG.

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes