Escoitar

O Pleno aproba a ordenanza para regular as vivendas de uso turístico

A maioría da Corporación deu luz verde a un proxecto que garante a seguridade xurídica, a convivencia veciñal e o dereito á vivenda. A ordenanza saíu adiante cos votos favorables do PSOE.

luns, 23 feb 2026

A concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, explicou que esta nova normativa se enmarca no novo PXOM, que xa regula o uso terciario para este tipo de actividades, e lembrou que se trata de establecementos destinados ao aloxamento temporal, sen carácter de residencia habitual.

A ordenanza establece a obrigatoriedade de contar co correspondente título habilitante como condición previa para a explotación da actividade, o que proporciona seguridade xurídica tanto aos titulares das vivendas como aos veciños e veciñas.

Entre os puntos clave da normativa, destaca que as vivendas de uso turístico só poderán implantarse en edificios de uso completo destinados a este fin ou en plantas altas e baixas, sempre que se garanta a independencia de acceso respecto ás vivendas residenciais. Ademais, a ordenanza prohibe expresamente a implantación de vivendas turísticas naquelas que fosen obxecto de rehabilitación ou reforma con axudas públicas, así como nas que conten con algún tipo de protección.

Caride aclarou que o Concello de Vigo poderá declarar, previo estudo e tramitación administrativa, determinadas áreas, barrios, rúas ou zonas do termo municipal como zonas saturadas ou de intensidade limitada para o uso de vivendas turísticas. A ordenanza contou co voto en contra de PP e BNG.

Axilización de licenzas

O Pleno tamén aprobou unha nova ordenanza reguladora de licenzas co obxectivo de axilizar os procedementos administrativos, fomentar a actividade económica e facilitar a implantación de solucións sostibles. A proposta prevé a redución dos tempos de tramitación para a realización de obras e actividades de baixo impacto, permitindo á cidadanía iniciar certos traballos presentando unicamente unha comunicación previa ou declaración responsable, sin necesidade de esperar licenza municipal. Esta reforma afecta especialmente a actuacións menores en vivendas e locais, así como á apertura de negocios de baixo risco.

O texto inclúe novidades en materia de sostibilidade e mobilidade, regulando, por exemplo, a instalación de puntos de recarga de vehículos eléctricos e sistemas de enerxías renovables en cubertas de edificios.

Segundo explicou Caride, as obras en edificios históricos, de alto risco ou que afecten á estrutura ou elementos protexidos, seguirán requirindo da licenza urbanística tradicional, garantindo así a protección do patrimonio e a seguridade das actuacións.

En canto á tramitación de ambas ordenanzas, unha vez aprobados inicialmente polo Pleno municipal, serán sometidas a información pública durante un prazo de 30 días hábiles, para que a cidadanía poida presentar alegacións ou suxestións. No caso de non existir alegacións, as ordenanzas quedarán aprobadas definitivamente; se as houbese, sería necesario elaborar o correspondente ditame e proceder á súa aprobación definitiva en Pleno.

Descargar todas as imaxes