Coia contará con 2,7 millóns máis para a rehabilitación de case 160 vivendas
O número de vivendas rehabilitadas superará as 400 grazas ao Programa de axudas para a mellora da eficiencia enerxética. O número de actuacións xa executadas é de 244 ás que haberá que sumar outras 159 previstas en Coia cun orzamento de 2,7 millóns.
O alcalde deu conta esta mañá do avance do Programa de axudas para a rehabilitación de vivendas e mellora da eficiencia enerxética. Cun orzamento de 6,4 millóns de fondos europeos, son doce as áreas de Vigo que poden acollerse a estas achegas: Coia, San Roque, Casco Vello, Bouzas, Casas Santa Clara, Beiramar, San Pablo, A Salgueira, O Gorxal, discontínua de Alcalde Lavadores-Canicouva- Escolas Públicas.
A Xerencia de Urbanismo do martes que vén aprobará unha addenda de 2,7 millóns de euros para transferir fondos ao ámbito de Coia onde se esgotaron os recursos asignados e existe lista de agarda. Esas partidas proceden de ámbitos da cidade nos que si hai recursos e, sen embargo, non existen propostas pendentes.
Esta iniciativa permitiu xa mellorar a eficiencia enerxética -con actuacións de rehabilitación, illamento, sistemas de calefacción – de 244 vivendas (33 edificios e 3 vivendas unifamiliares). Con este transvase de fondos, o Concello apoiará a rehabilitación doutras 159 vivendas distribuídas en 6 edificios de Coia.
O obxectivo é atender todos os proxectos presentados o que permitiría alcanzar unha execución orzamentaria superior ao 90%.
Bouzas
O goberno local prosegue facilitando a edificación de vivenda para o que o próximo martes na Xerencia darase conta do inicio do procedemento que permitirá xerar solo residencial. Concretamente, iniciarase a expropiación forzosa de fincas non adheridas á Xunta de compensación do polígono 3 de Bouzas, que xa foi constituída co 70% dos propietarios. Trátase dun dos polígonos do Plan Especial de Bouzas, duns 6.500 m² no que se prevé una zona verde pegada á costa de 2.000 m² aproximadamente. Tal e como prevé a lei, os membros da Xunta de compensación solicitan o inicio do procedemento para expropiar as propiedades non incorporadas ao proxecto.