Escoitar

Caballero reunirase coa ministra de Deportes para explicarlle a situación de Vigo como sede do Mundial 2030

O alcalde desvelou que o día 2 de marzo manterá un encontro en Madrid coa ministra de Deportes, Milagros Tolón, a que “quero contarlle ben o que sucede con Vigo e a oposición feroz que ten a candidatura de Vigo, reunindo todas as condicións e cumprindo cos requisitos da FIFA”. O Concello de Vigo recepcionou esta maña o cambio da cuberta da Pista Vermella.

xoves, 19 feb 2026

O vindeiro 2 de marzo, Abel Caballero trasladarase a Madrid para manter un encontro coa ministra de Deportes, Milagros Tolón. O alcalde explicou que “entregarémoslle un dossier de todo o que fixemos, de como estamos cumprindo e de como levamos adiante a acción para ser sede do Mundial 2030”.

“Quero contarlle ben o que sucede con Vigo e a oposición feroz que ten a candidatura de Vigo, reunindo todas as condicións e cumprindo cos requisitos da FIFA”, avanzou Caballero, que ademais sinalou que lle vai “pedir o seu apoio porque o merecemos e porque cumprimos os requisitos”.

Cuberta Pista Vermella

Esta mañá o Concello de Vigo recepcionou a obra do cambio da cuberta da Pista Vermella, unha actuación que contou cunha inversión de 250.000 euros, e que foi visitada polo alcalde da cidade. A nova estrutura, conta con dous lucernarios e substituíu toda a superficie do vello tellado, que estaba afectado por oxidacións xeneralizadas, que como indicou o rexedor “as choivas deteriorárona aínda máis e optamos por facer un cambio total da cuberta”.

Abel Caballero quixo destacar a luminosidade do entorno que “mudou completamente”, pasando de “ser un pavillón escuro” a contar “cunha visión nova” e “cunha beleza certamente extraordinaria”. “Isto é unha parte moi importante da historia do deporte na cidade de Vigo”, rememorou, e destacou que “de súpeto cambiámolo para que os clubs que o utilizan o teñan nas mellores condicións, porque o deporte é moi importante”. Rematou a súa intervención Caballero cun “que viva o deporte e viva Vigo”.

Descargar todas as imaxes