Vigo érguese como a cidade co maior número distincións ambientais con 14 Sendeiros Azuis municipais , 9 máis que en 2025
Vigo é a cidade española co maior número de Sendeiros Azuis municipais, con 14 distincións, segundo o anuncio realizado este venres pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor, ADEAC, que aprobou a proposta do Concello de ampliar a listaxe con 9 novos itinerarios noutras tantas parroquias.
Abel Caballero destacou este venres a ampliación do número de galardóns de Sendeiros Azuis outorgados a Vigo pola asociación nacional que concede as distincións de Bandeiras Azuis, xa que pasa dos 5 recoñecidos en 2025 a 14 en 2026.
O listado integrado polos cinco sendeiros de Camiño a Beiramar, Senda de riberia do Río Lagares, Senda entre Faros, Senda litoral do Monte da Guía e Vía Verde de Vigo, crece cos nove anunciados hoxe de Candeán, Cabral, Bembrive-Beade, Coruxo, Matamá-Comesaña, Oia, Saians, Valladares e Zamáns. “Déronnos os 9 sendeiros azuis propostos este ano e, por tanto, teremos 14 rutas con bandeira azul”, remarcou o rexedor. Vigo é, por tanto, a cidade con maior número de distincións. A maiores, Caballero sinalou que a candidatura medioambiental complétase coa solicitude de 12 galardóns para outros tantos areais. As praias que aspiran o recoñecemento de bandeira azul serán as de Teis, A Punta, O Adro, Santa Baia en Alcabre, Carril, Tombo do Gato (A Fonte), Fontaíña, O Vao, Canido, Fortiñón e Rodas.