Escoitar

O alcalde defende a gratuidade da AP-9

Abel Caballero reiterou que defende a mesma posición desde que é alcalde. Á demanda da liberalización das peaxes sumou a tamén a gratuidade na autoestrada autonómica Vigo – Baiona e a construción “o antes posible” do túnel da A-52.

venres, 20 feb 2026

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, reiterou a súa esixencia de que a AP-9 sexa “gratuita, libre de peaxes e de forma inmediata” no tramo que vai de Tui a Ferrol, unha reivindicación que asegura manter “desde o primeiro día” como rexedor.

Caballero lembrou que trasladou esta demanda aos presidentes do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, Mariano Rajoy e Pedro Sánchez, insistindo en que a súa postura non mudou co paso dos anos.

O rexedor lembrou que a continuidade das peaxes foi unha decisión adoptada polo Goberno do PP presidido por José María Aznar, que prorrogou a concesión da autoestrada ata 2048. “Se esa prórroga non se tivese producido, os peaxes terían rematado en 2023 e levariamos xa tres anos circulando gratis pola AP-9”, sinalou.

Tamén cuestionou a evolución da postura do BNG, ao que lembrou a súa oposición inicial á infraestrutura, así como a actitude do Partido Popular en etapas nas que gobernaba. “Ás veces dá a impresión de que algúns reclaman as cousas só cando non gobernan”, apuntou.

Caballero ampliou a súa reivindicación á gratuidade da autoestrada Vigo–Baiona e á supresión das peaxes nas vías autonómicas. “Eu reclamo tamén a Vigo–Baiona gratuíta. Parece que outros non”, afirmou.

O alcalde engadiu outras reivindicacións en canto a infraestruturas como a construción da nova A-52 en túnel por O Porriño como alternativa estrutural á A-55.

Para o Concello, a posición é clara: “gratuidade inmediata da AP-9 de Tui a Ferrol, construción canto antes da nova A-52 en túnel, eliminación de peaxes nas autovías autonómicas e reforma integral da A-55 para deixar de ser a “senda obrigada” de saída de Vigo.”

“Esa é a posición que defendo desde que son alcalde”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes