O Pleno insta á Xunta a aumentar o cociente de persoal de enfermería nos centros de atención á dependencia
Espinosa urxiu esta medida ao goberno autonómico “para que se poida levar a cabo una atención integral e digna ás persoas residentes nestes centros”. A Corporación tamén aprobou cos votos a favor do Grupo Socialista o recoñecemento da cidade ao presidente do Goberno de España por dotar a Vigo da alta tensión eléctrica.
Cos votos a favor do Grupo Socialista e o Grupo do BNG, Vigo insta á Xunta de Galicia a modificar os cocientes actuais de enfermeiras e enfermeiros nos centros de atención á dependencia da cidade.
A concelleira Elena Espinosa defendeu que a súa intervención “é crave” para manter a autonomía, a dignidade e a calidade de vida das persoas en situación de dependencia, especialmente nos casos de maior vulnerabilidade. Amais, puxo en valor o seu labor e tarefas a desenvolver nestes centro para a atención ás persoas usuarias.
“Por isto e moitas máis razóns consideramos necesario recoñecer, apoiar e reforzar o papel da enfermería promovendo recursos suficientes e condicións laborais axeitadas que garantan unha atención de calidade e un sistema de coidados sólido e sostible”, declarou.
Apoio a Pedro Sánchez pola alta tensión eléctrica
O Pleno aprobou trasladar ao presidente do Goberno de España o recoñecemento da cidade por atender á petición do alcalde e dotar á cidade de alta tensión eléctrica. O edil socialista, Carlos López Font, afirmou que “isto reforza a Vigo como grande cidade industrial” e lamentou que “a alta tensión foi negada polo goberno de Mariano Rajoy”. O apoio tamén é para a que fora ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, “por iniciar a tramitación”.
Reconquista
Na sesión plenaria tamén se aprobou unha moción para que a festa da Reconquista acade o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional. Sen ningún voto en contra, a moción do PP pediu iniciar os trámites e traballar nun plan estratéxico, algo que segundo a concelleira do Goberno, Yolanda Aguiar, asegurou que “O Concello púxose a traballar na documentación e consolidación da festa como acontecemento histórico” e lembrou aos concelleiros do PP “que esta declaración exixe requisitos moi rigorosos”. Amais, lamentou que o goberno autonómico diferencie este tipo de eventos coa súa achega económica, dedicando a Festa da Reconquista só 25.000 euros en publicidade.