Vigo, a cidade con máis nivel de inglés de toda España
O alcalde acudiu á entrega de diplomas do programa “Vigo en Inglés” para o alumnado que viaxou becado polo Concello a Reino Unido e Irlanda onde celebrou coa mocidade o seu desenvolvemento na lingua e cultura inglesa.
Abel Caballero presidiu a entrega de diplomas ao alumnado participante no programa municipal “Vigo en Inglés” 2025, nun acto no que puxo en valor que Vigo é, segundo o informe de Education First English Proficiency, a cidade de España con mellor nivel de inglés.
O estudo sitúa á cidade por diante doutras como Valencia, Zaragoza, Granada, Madrid, Oviedo, Las Palmas ou Santa Cruz de Tenerife, consolidando un “nivel moi alto” de competencia lingüística.
Caballero asegurou que o liderado de Vigo en nivel de inglés “ten moito que ver con estas becas que se conceden desde que son alcalde”.
No curso 2025, un total de 1.020 mozos e mozas participaron becados no programa, viaxando a Reino Unido e Irlanda grazas a un investimento municipal de 3,3 millóns de euros que o rexedor definiu como “un diñeiro marabillosamente investido”.
Durante o acto, Caballero destacou a satisfacción e o entusiasmo do alumnado, subliñando non só a mellora no dominio do idioma, senón tamén a experiencia vital adquirida: “Aprenden inglés, pero tamén aprenden a estar no mundo, a coñecer outra cultura e a comunicarse nun contexto internacional”.
Aberto o prazo de solicitude para novas becas
O alcalde lembrou que xa está aberto o prazo para solicitar as becas da convocatoria 2026, que permanecerá activo ata o 6 de marzo. O Concello prevé conceder novamente arredor dun milleiro de axudas.