Vigo convértese na capital do motor co 58º Rally Rías Baixas
Este xoves ás 21:00 horas, a rúa Policarpo Sanz acolle a cerimonia de saída da competicións que, por segundo ano consecutivo, é puntuable para o Súper Campionato de España de Rallys.

O rexedor vigués destacou que “Vigo convértese esta fin de semana na capital do motor” coa 58º edición do Rally Rías Baixas, iniciando o evento hoxe a partir das 21:00 horas coa Cerimonia de Saída dende Policarpo Sanz. Alí poderanse ver os máis de 90 coches que compiten nesta edición, entre os que destacan os principais aspirantes ao título: Javier Pardo (vencedor en Ourense e líder da clasificación xeral), José Antonio “Cohete” Suárez, Pepe López ou Alejandro Cachón.
“É unha das citas máis emblemáticas do calendario e, por segundo ano consecutivo, é puntuable no Súper Campionato de España de Rallys”, explicou Caballero. Este ano recupérase a subida ao Castro, que será un dos grandes atractivos da competición, que partirá de Marqués de Alcedo en sentido descendente.
O rally contará con 12 tramos cun total de 129,5 quilómetros, dos que 4 deles dispútanse o venres e os outros 8 o sábado. O parque de asistencia está en Samil e ademais a proba contará con tramos en municipios veciños como Nigrán, Salceda de Caselas, Gondomar, Ponte Caldelas e Porriño.