O "Gran Premio internacional Cidade de Vigo de Atletismo" reúne o sábado a 300 deportistas nacionais e internacionais
Máis de 300 atletas participarán este sábado 5 de xullo na segunda edición do recuperado “Gran Premio Internacional Cidade de Vigo de Atletismo”, que terá lugar na pista de Balaídos a partir das 19.30 horas. Organizada pola Federación Galega de Atletismo e patrocinada polo Concello de Vigo, o alcalde animou a toda a cidadanía a participar no espectáculo do atletismo.

Abel Caballero presentou este mércores, co concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o delegado da Federación Galega de Atletismo, David Posada, e as atletas do Real Club Celta Eva Piñel, Marta Camaño, Valeria González, Daniela Castro e Candela Hermida, a competición de atletismo que contará coa participación de deportistas nacionais e internacionais.
A competición despregará, nas pistas de atletismo de Balaídos, un total de 17 probas: 9 masculinas e 8 femininas. Dos 300 atletas participantes, 125 competirán nas probas internacionais.
O alcalde incidiu na importancia dun premio no que competirán deportistas nacionais e internacionais procedentes de Portugal, Colombia e Cuba, á vez que animou a contemplar as distintas competicións.
Recuperación dunha proba histórica
David Posada recalcou a importancia do apoio do Concello na recuperación dun premio que foi creado en 1957, alcanzando o status de referencia internacional, e que este ano celebra a segunda edición tras a súa recuperación. "Grazas a estas iniciativas volvemos ter atletismo de nivel en Vigo”, recalcou.
O delegado da Federación Galega de Atletismo avanzou que este ano cobra un protagonismo especial a competición de lanzamento de xavelina coa participación da campiona do mundo, bronce olímpico e subcampioa do mundo, Denia Caballero; así como de Leandro Ramos, lanzador con 84 metros de marca. Remarcou a importancia de que os atletas veteranos compartan xornada cos deportistas de base de Vigo.