Zona Franca e INDRA asinan o acordo para establecer en Vigo o Centro de Excelencia Aeroespacial e Defensa
Instalarase no edificio do CZF en López Mora con máis de 200 profesionais de alta cualificación que traballarán en solucións estratéxicas. A actividade do centro enfocarase no desenvolvemento de sistemas de defensa electrónica, vixilancia electrónica, mando e control e sistemas antidrón. "O obxectivo é a autonomía estratéxica. A defensa do século XXI necesita máis tecnoloxía e centros como o que hoxe presentamos", declarou o alcalde.

A Zona Franca de Vigo (CZFV) e Indra Group asinaron este mediodía o protocolo de colaboración para o establecemento do Centro de Excelencia Aeroespacial e Defensa de Indra no VgoTIC global HUB que o Consorcio está a construír en Vigo, no complexo de López Mora.
O Centro de Excelencia Aeroespacial e de Defensa contará con laboratorios e oficinas nas que está previsto que, para 2026, traballen máis de 200 profesionais, na súa maioría procedentes de universidades galegas e cun perfil altamente cualificado. A súa instalación impulsará o desenvolvemento económico en Galicia e, en especial, a actividade ligada ao ámbito tecnolóxico en Vigo e a súa zona de influencia.
O director xeral de Tecnoloxía (Chief Technology Officer) de Indra Group, Manuel Escalante, e o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, asinaron o acordo nos Xardíns do Hub TIC da Zona Franca de Vigo nun acto que contou coa presenza da secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcárce, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e outras personalidades galegas.
O alcalde Abel Caballero subliñou “a importancia de que unha gran empresa como Indra se instale en Vigo. Iso supón, dixo, que tecnoloxía, capacidade de evolución e emprego de altísima calidade se asenten na cidade”.
Dos asinantes, o delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, sinalou que esta actividade “contribuirá á soberanía tecnolóxica de Europa, situando a Vigo como polo de atracción de novas compañías do sector”.
Pola súa banda, o CTO de Indra, Manuel Escalante, destacou que "é unha aposta polo emprego e a tecnoloxía” e que “ademais de ser un importante polo tecnolóxico e industrial, Vigo conta cunha Universidade punteira, onde Indra, por certo, conta xa cunha Cátedra. Estas características fan que Galicia, Vigo e Zona Franca sexan unha localización especialmente atractiva para a captación de talento”, agregou.
O centro xerará sinerxias coa fábrica de semiconductores fotónicos de SPARC, que entrará en operación durante 2027, e estará situada no Parque Tecnolóxico de Valadares (PTL), en Vigo. Indra Group converteuse no socio maioritario de SPARC Foundry, compañía especializada na produción de semiconductores, na que tamén participan a SETT e a Zona Franca a través de Vigo Activo. Así, púxose á fronte en España do deseño e produción de chips, unha tecnoloxía cada vez máis demandada e crítica para garantir a soberanía tecnolóxica e a autonomía estratéxica de Europa.