Vigo esixe orzamento á Xunta para implantar as gardas xudiciais de 24 horas
A moción do grupo municipal socialista, que saíu adiante coa abstención da oposición, insta ao goberno autonómico a dotar nos Orzamentos do ano 2026 unha partida específica para a implantación nos xulgados de instrución de Vigo as gardas de 24 horas.

A concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, expuxo que se trata dunha “reivindicación histórica e unánime da cidade, defendida polo goberno municipal, compartida por tódolos operadores xurídicos e acordada pola Xunta de xuíces e xuízas de instrución de Vigo cun informe favorable do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”. Pola contra, a Xunta de Galicia “leva máis de 10 anos negando esta demanda histórica”, afirmou.
A cidade ten dereito ás gardas de 24 horas porque conta con 8 xulgados de instrución e os membros da carreira xudicial, tal e como recolle a moción, sinalan que a aposta por este sistema é “imprescindible para garantir un servizo público moderno, áxil e eficaz e máis garantista”.
Con esta motivación, a moción socialista insta á Xunta de Galicia a dispoñer para o ano 2026 dunha partida específica para a implantación coa máxima urxencia das gardas de 24 horas nos xulgados de instrución de Vigo, dotándoos dos medios persoais e materiais axeitados e necesarios, rematando con esta discriminación histórica con respecto ao resto de partidos xudiciais de similares características do Estado, que xa teñen implantado este sistema, que redundaría en beneficio da cidadanía, das persoas traballadoras e do servizo público que se presta. Foi aprobada cos votos socialistas e a abstención de BNG e PP.