O Pleno urxe á Xunta a reformar as cubertas de todos os colexios públicos que o precisen
O Pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou este luns, cos votos dos concelleiros do PSOE e do BNG, a moción presentada polo grupo socialista instando á Xunta a iniciar “a reforma integral e inmediata” das cubertas dos centros educativos da cidade que o necesitan ante a situación en que se atopan colexios como o Celso Emilio Ferreiro e o Chans Bembrive. Tamén se aprobou solicitar á administración galega a reversión inmediata ao Concello do recinto do CEIP Virxe do Rocío.

A concelleira de Educación, Olga Alonso, argumentou hoxe ante os edís do grupo municipal que a situación das infraestruturas dos colexios públicos de Vigo non se deben á falta de mantemento, que realiza o Concello, senón á ausencia de investimentos da Xunta. “O que falta en Vigo son investimentos, non mantemento”, afirmou a concelleira socialista ao incidir en que “os centros necesitan investimentos dos que presume a Xunta no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, en cambios de cubertas, de reposición de xanelas, de melloras da calefacción, de reparación dos falsos teitos, además de en novos patios cubertos, en pistas deportivas escolares, e nos espazos exteriores dos centros”.
O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, explicou que o Goberno municipal, ante o informe realizado polos enxeñeiros, determinou o valado das instalacións en 24 horas para afrontar a precariedade que afectaba aos 700 integrantes da comunidade do colexio Celso Emilio Ferreiro. “Todo o problema é da estrutura de construción”, recalcou o edil.
CEIP Virxe do Rocío
O Concello reclamará á Xunta a devolución do edificio do CEIP Virxe do Rocío por carecer de actividade docente desde 2012 como consecuencia da construción dun novo colexio. A demanda foi aprobada este luns cos votos a favor dos edís socialistas, a abstención do BNG e a negativa do PP, a moción do grupo de goberno.
A concelleira de Educación, Olga Alonso, explicou que o executivo local demanda a desafección da construción coa finalidade de destinalo a fins sociais, culturais e asistenciais. “A edificación é propiedade municipal e, por tanto, solicitamos a súa reversión ao Concelló”, recalcou a concelleira.