As reservas para o concerto de Ana Belén, á venda o martes 8 de xullo
A artista madrileña subirá ao escenario do Auditorio de Castrelos a noite do sábado 12 de xullo ás 22:00 horas.

O alcalde deu a coñecer hoxe os datos para adquirir as reservas de entradas para a platea no concerto de Ana Belén, a primeira actuación do Vigo en Festas 2025. A venda de reservas terá lugar o vindeiro martes 8 de xullo, seguindo a fórmula empregada na última edición.
“Poderanse adquirir un total de 2.200 localidades a un prezo de 10€”, explicou Caballero, indicando que existirán billeteiras presenciais situadas no Auditorio de Castrelos e opción de mercalas online a través da web municipal. O Concello tratando de proporcionar unha maior axilidade e facilidade para a cidadanía, terá operativa a venda en dúas quendas (de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas).
Para a actuación de Ana Belén, serán 2.000 reservas de xeito presencial e 200 en liña. En cada quenda estarán á venda 1000 reservas físicas e 100 de xeito online. Do mesmo xeito que o verán pasado, cada persoa poderá retirar 4 reservas nominativas, co que terán que acudir cunha copia do DNI (ou outro documento identificativo) das persoas para as que queira adquirir ditas reservas.