Escoitar

O Concello pide á administración galega que asuma o 50 por cento do custe do servicio de socorrismo nas praias

O Concello demanda á Xunta que incremente de forma significativa as axudas económicas para garantir a seguridade e o mantemento das praias de Vigo, segundo o acordo plenario aprobado hoxe polos concelleiros do PSOE e do BNG.

luns, 30 xuñ 2025

O Pleno da Corporación Municipal aprobou este luns a moción do grupo socialista para urxir á Xunta a que asuma, como mínimo, o 50 por cento do custo do servizo de socorrismo e asistencia ás praias que realiza o Concello durante todo o verán, así como a atención exclusiva nas Illas Cíes.

A concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, lembrou que o Concello asume con fondos propios o custo dos servizos para garantir a “excelencia”, o mantemento e a seguridade dos areais da cidade, e que destina ao socorrismo 850.000 euros este verán. Recalcou que o Concello desprega a 70 socorristas en 13 praias, así como a 140 axentes de seguridade e unha moto acuática de seguridade, entre outros recursos.

Fronte ás iniciativas municipais, que inclúen facilitar a accesibilidade aos areais, a edil recalcou que a achega da Xunta é de 30.001 euros para o servizo de socorrismo. “Unha cantidade claramente insuficiente para unha cidade que xestiona 56 praias e que recibe miles de visitantes cada verán”, apuntou a concelleira ao incidir en que a desporción “evidencia a urxente necesidade dunha maior implicación da administración autonómica no financiamento de servizos esenciais que fan posible a excelencia das nosas praias”, afirmou Nuria Rodríguez.

A edil incidiu na insuficiente dotación da Xunta para conceder axudas para contratar a socorristas durante este verán, xa que fixa 1,5 millóns de euros para atender a 194 concellos e mancomunidades. “Esta cifra é manifestamente insuficiente para cubrir as necesidades reais dun territorio con centos de quilómetros de costa e máis de 700 areais”, asegurou Nuria Rodríguez tras sinalar que a 38 concellos de Pontevedra asígnanselle 400.404 euros, que representan unha media de 10.000 euros por concello.

Descargar todas as imaxes