O Concello oferta 225 prazas de campamentos infantís nos museos da cidade
O alcalde informou sobre esta novidade da oferta de lecer para as nenas e nenos da cidade, que se enmarca no programa educativo posto en marcha pola rede de museos municipais.

O goberno municipal pon en marcha nove campamentos de verán para nenas e nenos de entre 5 e 12 anos nos museos municipais. Serán un total de 225 prazas gratuítas, 25 en cada obradoiro, para actividades de carácter creativo de tres días semanais. O período de inscrición abre mañá martes, ás 9:00 horas, e debe realizarse de forma telefónica no número 615258531.
Os emprazamentos, datas e horarios son os que seguen:
-VERBUM CREATIVO. 3 campamentos en horario de tarde, de 17:30-19:30 horas, do 8 ao 11 de xullo, do 15 ao 18 de xullo e do 22 ao 24 de xullo.
- CASA DAS ARTES E PINACOTECA. 3 campamentos en quenda de mañá, de 11 a 14 horas, do 29 de xullo ao 1 de agosto, do 5 ao 8 de agosto e do 12 ao 14 de agosto.
- PAZO DE CASTRELOS. 3 actividades en horario de 10:30 a 13:30 horas, do 19 ao 22 de agosto, do 26 ao 29 de agosto e do 2 ao 5 de setembro.
Apoio a festas gastronómicas
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar subvencións para a organización de tres importantes festas gastronómicas deste verán “con gran afluencia de xente de Vigo e de turismo”, por un importe total de 30.000 euros.
O alcalde detallou que a “Festa da Sardiña”, organizada os días 26 e 27 de xullo pola Comisión de Festas Nosa Señora das Neves da Guía, recibirá 10.000 euros, a mesma cantidade que a “Festa Gastronómica do polbo”, organizada o 10 de agosto pola Asociación Centro Veciñal e Cultural de Valladares e 10.000 euros vai recibir tamén a “Festa gastronómica do mexillón”, organizada pola Federación de Peñas Recreativas El Olivo o día 7 de setembro.