O Concello proxecta unha plataforma interactiva para persoas en situación de dependencia ou soidade non desexada
O alcalde informou este venres da futura posta en marcha de Vigo Social Tv, un dispositivo que se conecta á televisión e que inclúe canles de conexión directa coas persoas maiores.

O Concello vén de obter unha subvención do Goberno de España para un proxecto que mellorará a calidade de vida das persoas maiores, en situación de dependencia e/ou soidade non desexada, por un importe de 469.000 euros, que é o importe íntegro da axuda solicitada.
O proxecto Vigo Social TV é unha plataforma interactiva, accesible e fácil de usar, deseñada para reducir a fenda dixital e que ofrece funcionalidades para mellorar a calidade de vida das persoas maiores. Trátase dun dispositivo que se conecta á televisión, que inclúe canles de conexión directa coas persoas maiores:
◦ Canle con contidos para facer exercicio ou recibir contidos formativos
◦ Canle de relación social con familia e amigos, que se conecta a través do propio mando da televisión
◦ Canle de saúde que contan cun psicoterapeuta para facer seguimento das necesidades das persoas maiores
◦ Canle coidadores: actividades dirixidas a coidadores formais e informais, formación para coidadores…
◦ Canle con contidos culturais e de entretemento, exposicións, retransmisión de actos importantes da cidade...
Tal e como explicou Caballero, o programa non se limita a poñer un dispositivo nas casas das persoas maiores, senón que incorpora un seguimento con psicoterapeutas; profesionais que as axudarán a xestionar as emocións e que lles prestarán apoio psicolóxico e atención permanente. Esta foi a parte máis valorada do proxecto por parte do Goberno, dado que permite abordar a soidade non desexada.
VigoSocialTV alíñase co Mapa da Soidade e o Plan de Atención ás Persoas Maiores elaborado polo Concello e, segundo apuntou o alcalde, a plataforma beneficiará a 325 persoas maiores de forma directa e, de forma indirecta, a 1.300 persoas, entre coidadores formais e informais e familiares.
O goberno municipal sacará a licitación o proxecto, que ten un prazo de execución máximo de 2 anos, coa previsión de que poida implantarse no primeiro trimestre de 2027. “Seguimos atendendo e dando prioridade á xente maior, ás súas necesidades en dependencia e soidade non desexada”.