As reservas para o “gran concerto” de Trueno en Vigo sairán o 10 de xullo
Abel Caballero explicou esta mañá os detalles de venda das 5.000 localidades para poder gozar do rapeiro arxentino dende a platea de Castrelos, resaltando que o recinto se vai encher de público.

O rexedor vigués recordou esta mañá que Trueno actuará no auditorio natural de Castrelos o vindeiro 18 de xullo, un concerto co que “se vai petar”, indicou. Explicou que teñen un custo de 12 euros, o cal é “simplemente para evitar que alguén reserve, despois non acuda e quede a praza baleira cando había xente que quería estar alí”.
A venda para o terceiro dos concertos do “Vigo en Festas 2025”, terá lugar o vindeiro xoves 10 de xullo, seguindo o sistema posto en marcha na anterior edición polo Concello de Vigo. Poderanse adquirir un total de 5.000 localidades, 4.000 de xeito presencial no auditorio de Castrelos e 1.000 en liña.
Para facilitar o acceso de toda a cidadanía, independentemente do seu horario de traballo, as entradas sairán en dúas quendas (en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 21:00 horas). En cada quenda estarán á venda 2000 reservas físicas e 500 de xeito online. Cada persoa poderá retirar 4 reservas, “que son nominais e intransferibles”, polo que terán que acudir cunha copia do DNI (ou outro documento identificativo) das persoas para as que queira adquirir a reserva.