Escoitar

O alcalde pon en valor que Goberno e Concello financien o 75% das obras da Avenida de Galicia, sen identificar pola Xunta

Abel Caballero recalcou hoxe, co subdelegado do Goberno, a primeira tenente de Alcaldía, e as concelleiras de Medio Ambiente, Turismo e Participación Cidadá, que dos 6,6 millóns das obras da segunda fase de humanización da Avenida de Galicia, o Goberno de España achega 4,1 millóns, o Concello 1,5 e a Xunta 2,5 millóns. “Entre o Goberno e o Concello achegamos o 75 por cento do total das obras”, remarcou o rexedor ao apuntar que na identificación da reforma unicamente aparecen os carteis da administración galega a pesar da obriga de sinalar o financiamento do Goberno de España.

xoves, 15 mai 2025

O alcalde incidiu este xoves na achega das administracións estatal e local de Vigo nas obras de remodelación da Avenida de Galicia, xa que dos 6,6 millóns do orzamento total financian 5,6 millóns de euros, fronte aos 2,5 da Xunta. “Concello e Goberno financian o 75 por cento do orzamento” mentres “todos os carteis de sinalización dos valos son da Xunta” a pesar de estar obrigada a sinalar a achega do Goberno de España.

Caballero apelou á “lealdade institucional. Se o Goberno de España achega o dobre dos recursos da Xunta de Galicia, ten que aparecer”, xa que se trata dunha “norma xeral en todos os fondos europeos transferidos que chegan a Vigo desde a administración estatal a través da Xunta”, recordou. “O Goberno de España desaparece, como xa ocorreu no porto”.

Ante o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, o rexedor trasladou o seu agradecemento ao executivo central por financiar proxectos como o da Avenida de Galicia, “porque se non, non se faría, porque a Xunta ten esta vía absolutamente abandonada durante case todo o meu mandato como alcalde”.

Caballero anunciou que, dentro de dúas semanas, expresará persoalmente o seu agradecemento ao presidente do Goberno. “Queremos transmitir a importancia da atención a Teis tanto desde o Concello de Vigo como desde o Goberno de España”, recalcou.

O subdelegado do Goberno recalcou a necesidade da “transparencia” na información que se proporciona á cidadanía sobre o uso dos impostos e sobre a autoría do financiamento de cada unha das intervencións. “A presenza de carteis da Xunta é abafadora e hai un mes enviei unha carta a Alfonso Rueda advertindo con esta situación, sen éxito”.

Descargar todas as imaxes