Escoitar

Vigosónico oferta un obradoiro musical gratuíto para mocidade de entre 15 e 20 anos

Vigo impulsa este verán o Laboratorio Musical para a Mocidade co obxectivo de incentivar o talento xuvenil, estimular a creatividade e ofrecer ferramentas reais de desenvolvemento persoal e profesional no ámbito musical. Son 45 prazas gratuítas para participar nunha iniciativa que se desenvolve nas instalacións de Vigosónico entre o 30 de xuño e o 11 de xullo.

mércores, 14 mai 2025

O Concello de Vigo lanza o Laboratorio Musical para a Mocidade, unha iniciativa intensiva de formación musical e creativa destinada a mozos e mozas de 15 a 20 anos. O programa desenvolverase en Vigosónico entre o 30 de xuño e o 11 de xullo, ofrecendo unha experiencia transformadora arredor da música, tanto como forma de expresión persoal como vía profesional.

A inscrición está aberta desde hoxe ata o 30 de maio, con 45 prazas de balde, e o Laboratorio combinará traballo práctico en instrumentos, composición e produción musical con obradoiros especializados en comunicación artística, dereitos de autor e creación sonora para videoxogos.

O equipo docente está formado por 10 recoñecidos profesionais da escena musical e educativa galega que ofertarán formación de todos os estilos e perfís musicais.

O Laboratorio está dirixido tanto a mozos e mozas con formación musical previa como a aquelas persoas con interese ou curiosidade polo mundo da música, independentemente do estilo: pop, rock, música urbana, folk, electrónica, clásica ou experimental.

Descargar todas as imaxes