A programación de "Vigo, un mar de corais e bandas" ofrece máis de 160 concertos en toda a cidade
Abel Caballero reiterou hoxe, ante os representantes das corais e bandas da cidade que participaron na presentación dos concertos da tempada de 2025 do programa “Vigo, un mar de corais e bandas”, o apoio continuo do Concello á actividade musical. “Seguiremos enchendo todas as prazas e lugares da cidade. Conseguimos un logro moi importante porque non hai un só acto sen a presenza dunha formación musical”, destacou.

O alcalde afirmou este mércores que “Vigo é unha gran factoría de xeración de cultura”, en que destaca en actividade musical.
“Nesta cidade hai un enorme talento musical e unha riqueza excepcional con nove bandas de música e preto de 40 corais”, incidiu Abel Caballero, ao destacar que a programación de “Vigo, un mar de corais e bandas” para esta primavera e o próximo verán contará con preto de 160 concertos que chegarán a todos os recunchos da urbe. “Ningunha outra cidade de España pode dicir isto, nin é capaz de ofrecer isto que Vigo é capaz de facer”, afirmou ao reafirmar que “continuaremos”.
O rexedor indicou que o Concello continuará coa execución de infraestruturas para escolas de música.


