Escoitar

O alcalde urxe á RFEF que responda con celeridade aos requirimentos sobre a elección das sedes do Mundial

Caballero insistiu en que “non se poden dilatar os prazos” e que “seguirá demandando incansablemente” os datos do proceso para a elección das sedes do Mundial de Fútbol 2030. Sobre a xuntanza, trasladou que a propia Federación asegurou descoñecer correos electrónicos, como o enviado ao Concello anunciando a exclusión da cidade por “obter os resultados máis baixos na valoración da estrutura financeira”.

martes, 13 mai 2025

“Imos defender Vigo ata as últimas consecuencias, é o noso dereito”, afirmou o alcalde no día posterior á xuntanza coa RFEF. Caballero deu a coñecer detalles do encontro, como que “algúns dos correos electrónicos que nos enviaron non os recoñecían”, informou.

O alcalde advertiu de que seguirá na defensa da candidatura de Vigo como cidade mundialista e esixiu á Federación Española de Fútbol celeridade para responder ás máis de cen cuestións que o Concello rexistrou e solicita toda a información “con todo o noso lexítimo dereito”. Insistiu na necesidade de “transparencia e claridade absoluta sobre o proceso”, aínda que o rexedor manifestou que para a Federación “iso é pasado” e están na “cerrazón de dar información” escudándose nunha suposta confidencialidade. Porén, o Concello avanzará “na liña do recoñecemento de todos os dereitos, da clarificación e da transparencia dunha Federación á hora de elixir as sedes dun Mundial”.

Caballero demandou as cualificacións das sedes e actas das xuntanzas, e puxo de manifesto non entender a “confidencialidade” porque “a FIFA ten todo publicado”.

En todo caso, Caballero recolleu a man tendida pola Federación para cooperar na inclusión do Estadio de Balaídos como escenario para o Mundial de Fútbol 2030. “Eles queren que busquemos xuntos que Vigo sexa sede do campionato. Estaremos no apoio e na marcha conxunta coa Federación aos efectos das vías que poidan xurdir para que a cidade sexa mundialista”.

Descargar todas as imaxes