Escoitar

O Concello esixe toda a información á RFEF sobre a exclusión de Vigo como sede do Mundial

O alcalde encabezou a delegación municipal que se reuniu coa Federación Española de Fútbol para abordar a inclusión de Vigo como cidade sede do Mundial de Fútbol 2030. Caballero explicou que "Vigo ten os dereitos para ser sede do Mundial" así como que a cidade non renuncia a obter as explicacións por parte da Federación Española de Fútbol. Aínda así, avanzou tamén que o Concello "cooperará coa RFEF" para acadar o obxectivo de ser sede mundialista. Segundo explicou o rexedor, esta solución ten que ser “atendendo ao dereitos, sen ningún factor de favor con ninguén”.

luns, 12 mai 2025

“Vigo era sede do Mundial o 25 de xuño de 2024 e non o era o día 26. Vigo ten os dereitos para ser sede do Mundial", manifestou Abel Caballero ao término da xuntanza na sede da Federación Española de Fútbol. 

O rexedor amosou o seu desacordo coa esixencia de confidencialidade das puntuacións das sedes candidatas, incluída Vigo, da que non recibiu información porque “non queremos información que non poidamos trasladar á cidadanía de Vigo”. Con todo, confirmou que o Concello non renuncia a ter toda a información, polo que rexistrou de xeito formal a petición de información documental. O Concello tampouco renuncia á vía xudicial.

Caballero puxo de manifesto que no documento de solicitude da documentación das sedes candidatas se solicitan os informes, correos electrónicos, comunicacións ou calquera outro documento no que figuren as puntuacións de todos os factores e os correspondentes subfactores, así como a súa motivación ou xustificación, de todas as cidade candidatas. En resumo, coñecer todo o proceso coas súas actas.

“A Federación require tempo para a contestación. Díxonos que é confidencial e aí temos discrepancias, porque na miña opinión as cualificacións numéricas non teñen confindencialidade. A FIFA publícaas”, explicou.

“A Federación argumenta que queren que Vigo sexa sede. Vigo quéreo máis que ninguén”, subliñou o alcalde. Por iso, o Concello cooperará coa Real Federación Española de Fútbol para que Vigo sexa sede do Mundial de Fútbol 2030.  Caballero avogou pola busca dunha solución “atendendo aos dereitos, sen ningún factor de favor con ninguén” e cooperará coa RFEF nese eido.

Caballero defendeu a viabilidade da candidatura viguesa porque “Vigo ten débeda cero e temos 150 millóns de aforros. A nosa proposta de reforma é de 62 millóns de euros, polo que o podemos facer mañá mesmo. Para unha das partes hai que facer obras previas e xa están encargadas. A nosa proposta adáptase aos requirimentos da FIFA”, concluíu.

Descargar todas as imaxes