Caballero defende a autovía en túnel a O Porriño ante a petición do BNG de retirar o proxecto
Abel Caballero ratificou hoxe a súa defensa da transcendencia da construción da nova autovía A52 en túnel desde Vigo a O Porriño, despois de que este martes o deputado do BNG Néstor Rego defendese, na Comisión de Transportes do Congreso, unha proposición non de lei para que o Goberno retire o proxecto orzamentado en 389 millóns de euros e libere a peaxe da AP-9 ata Tui. “É un novo ataque do BNG, coa posición tácita similar á do PP, contra a cidade de Vigo”, afirmou o alcalde.

O rexedor denunciou este mércores que a formación nacionalista “tentou que o Goberno parase a autovía A-52. O BNG sempre contra a cidade de Vigo expondo mentiras e falsidades”.
Caballero recalcou que o proxecto de conexión en túnel de Vigo a O Porriño é “enormemente respectuosa co medio ambiente” e mellora “moitísimo a opción de tráfico porque o distribúe desde a propia saída do túnel e significa un novo acceso digno e conveniente para todo Bembrive e unha forma de moverse ao resto da cidade inmensamente mellor que a que existe neste momento”.
O alcalde indicou que o parlamentario nacionalista defendeu, apoiado polo grupo municipal do BNG de Vigo, “falsidades e mentiras” contra o novo trazado da autovía e “en contra da cidade” e reprochoulle a Néstor Rego que recomende investir os 398 millóns noutros proxectos de fóra de Vigo. Para Caballero a proposta do BNG de retirar o proxecto do novo trazado da A-52 é un sumando máis na conta das súas negativas aos proxectos de Vigo.
O rexedor lembrou ao PP que a autoestrada non é gratis porque o PP ampliou a concesión e incidiu en que a gratuidade ata Tui "non é alternativa" para desprazarse de Vigo a O Porriño. "É mentira que sexa alternativa á autovía en túnel porque alonga o percorrido a case 20 quilómetros e necesita un tempo larguísimo, porque hai que ir desde Vigo a Atios, xogándose a vida nalgunhas entradas e saídas que non son suficientemente seguras para tanto tráfico e camións de cinco eixos. Non é certo, ninguén a vai a utilizar como alternativa en túnel e vaise a seguir utilizando a autovía actual".