O Concello aproba o proxecto básico para a reforma do Paseo de Bouzas cun investimento de 1,2 millóns
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo deu este xoves o visto e prace á proposta de proxecto básico de rexeneración do paseo de Bouzas. A actuación aínda debe pasar pola aprobación do servizo de Costas e está previsto, segundo anunciou o alcalde, que sexa licitado no último trimestre de 2020. O investimento é de 1,28 millóns de euros e ten un prazo de execución de 11 meses.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves de que a Xunta de Goberno Local do Concello aprobou a proposta de proxecto básico de “Rexeneración do Paseo da Fronte Marítima da Vila de Bouzas”. Actuación envíase agora ao Servizo Provincial de Costas para que dea o visto e prace canto antes e poida ser redactado o proxecto construtivo.
“Estamos ante un proxecto moi ambicioso para reformar todo o Paseo de Bouzas nunha primeira fase, posto que xa fixemos tamén o deseño do paseo ata Samil”, sinalou o rexedor durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Segundo apuntou, o orzamento base de licitación é de 1,28 millóns de euros e o prazo de execución será de 11 meses.
A actuación abarca unha superficie de 7.800 metros cadrados nun tramo de 500 metros (desde a igrexa de Bouzas ata a ponte da VG-20). A licitación do proxecto por parte do Concello está prevista para o último trimestre de 2020.
No proxecto básico xa se contempla a demolición parcial de parte del muro que delimita zona de praia, a restitución das zonas danadas do paseo de madeira, novas redes de servizo con sistema de aguas pluviais, rede de abastecemento e rede de alumeado público. Ademais, o alcalde tamén apuntou que se instalarán pavimentos de pedra fronte aos edificios e outras zonas axardinadas, con pavimentos de madeira e de xabre. Tamén haberá varandas e paneis informativos.
Avenida de Madrid
Por outra banda, a Xunta de Goberno tamén aprobou a proposta de conformidade co proxecto de trazado da “Remodelación da Avda. De Madrid” cun orzamento de 13,4 millóns de euros, dos que o Ministerio de Fomento aportará 8,98 millóns e o Concello outros 4,49 millóns.
O alcalde explicou que o Ministerio de Fomento xa procedeu á exposición pública e traballa agora para incorporar as alegacións e redactar a continuación o proxecto construtivo. Será o Concello quen licitará a obra e executará a reforma.