Escoitar

Vigo demanda máis residencias públicas para maiores e un plan de choque contra as listas de agarda

A moción foi presentada pola concelleira de Benestar, Yolanda Aguiar, quen indicou que Vigo conta con menos dunha praza por cada 100 maiores de 65 anos, cando a OMS recomenda cinco prazas. O Pleno acordou instar á Xunta de Galicia a construír residencias e a paliar unha lista de agarda que supera os 15 meses.

mércores, 29 xan 2020
A proposta foi presentada polo grupo de goberno e apoiada por todos os grupos políticos salvo polo Partido Popular, que votou en contra.

A OMS recomenda dispor de cinco prazas por cada cen maiores de 65 anos, un ratio do 5% que en Vigo é actualmente do 0,9%: a cidade ten 604 vacantes polas máis de 3.250 que debería en función dos parámetros da Organización Mundial da Saúde. Vigo sitúase tamén por debaixo do ratio galego -que non chega ao 3%- e da media nacional -que acada o 4%-.

Así, o Concello require que a Xunta de Galicia dote "de forma urxente á cidade de Vigo do número de prazas en residencias públicas para persoas maiores que recomenda a Organización Mundial da Saúde", mediante a construción de novos centros. Ademais, o acordo adoptado pide que o goberno autonómico elabore un plan de choque para minorar unhas esperas de máis de quince meses entre a solicitude e o acceso do usuario á residencia.

Por último, e ante denuncias públicas de usuarios e traballadores de residencias que teñen prazas concertadas coa Xunta de Galicia, a Corporación solicita "inspección, control e, no seu caso, sanción" de haber irregularidades tanto en centros públicos como concertados, froito dos recortes en materia de recursos humanos, medios técnicos e asistencias".

Este punto tamén fai referencia ao último informe de fiscalización do gasto en atención residencial a persoas maiores e dependentes, elaborado polo Consello de Contas, que "chama a atención", segundo a moción presentada, "sobre as graves deficiencias na xestión dos centros, en especial daqueles cunha xestión privatizada, referidos a incumprimentos en materia de persoal, deficiencias nos protocolos de funcionamento, graves irregularidades nos rexistros e cumprimento dos horarios, etc."