O Pleno apoia a mobilización do 9 de febreiro en defensa da sanidade pública

A Corporación aprobou este mércores a moción, cos únicos votos en contra dos edís do PP vigués. O Concello avala así a convocatoria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do próximo 9 de febreiro en Santiago e anima á cidadanía a sumarse.

mércores, 29 xan 2020
A moción foi presentada polo grupo Mixto e defendida pola edil de Marea de Vigo - Son en Común, Oriana Méndez, e obtivo o respaldo do resto da Corporación coa única excepción do Partido Popular, que votou en contra.

Ademais de apoiar a mobilización, o acordo adoptado demanda da Xunta adaptar os seus orzamentos e os do Sergas "ás necesidades reais dos nosos centros de saúde e dotalos do persoal necesario para garantir unha atención accesible e de calidade", abandonar "a política de desmantelamento e peche de servizos nos centros de saúde" da área sanitaria viguesa e "adecuar os previstos, como o de Bouzas, aos servizos sanitarios que figuraban no proxecto orixinal".

O texto aprobado conclúe pedindo á Xunta de Galicia a revisión dos concertos con hospitais e clínicas privadas, unha redución "drástica" das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnóstica, cirurxía e procedementos terapéuticos, "paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios" da área viguesa, "acabar coa política de privatizacións de recursos e deriva de pacientes ás clínicas privadas de xeito innecesario", e "acabar coa política de persoal dos servizos de saúde baseada na precariedade e na explotación laboral"