Escoitar

O Concello homenaxea a Concepción Arenal no bicentenario do seu nacemento

O alcalde deu conta hoxe dos actos que celebrará o goberno municipal para conmemorar esta efeméride e que inclúen a entrega do premio Galega Destacada 2019 a Rosana Ojea Carneiro o vindeiro sábado, 8 de febreiro.

xoves, 30 xan 2020

Abel Caballero informou este xoves dos actos cos que o Concello renderá homenaxe á ilustre xurista e escritora, Concepción Arenal, con motivo do bicentenario do seu nacemento, que se cumpren mañá, 31 de xaneiro, explicando que ao longo do ano se desenvolverá un programa de conmemoración da efeméride.

O sábado 8 de febreiro, o goberno municipal realizará unha ofrenda floral no monumento funerario da autora no cemiterio de Pereiró, ás 12:30 horas da mañá, onde tamén se descubrirá unha placa conmemorativa da efeméride. Deseguido, ás 13 horas, no Pazo Quiñones de León, entregarase o galardón “Galega Destacada 2019” a Rosana Ojea Carneiro pola súa contribución á cultura na cidade ao combinar o servizo de hostalería coa oferta cultural do café Vitruvia, do que é responsable xunto a Javier Ferreiro. Segundo explicou o rexedor, Rosana Ojea naceu en Vigo, en 1981, ten estudos superiores de piano e é Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas.

O rexedor explicou que o sábado 15 de febreiro, ás 21 horas, vai celebrarse un concerto homenaxe a Concepción Arenal da man da Orquestra Clásica de Vigo polo bicentenario do nacemento de Concepción Arenal no Auditorio Municipal del Concello. No intermedio do recital haberá unha lectura de textos da escritora por parte dun grupo de mulleres voluntarias do fomento da lectura. A entrada é de balde ata que se complete o aforo.